VOLTAMOS DE VACÍO
A Lomba segue a ser campo maldito para o Recesende. O partido foi calcado ó da tempada anterior; os locais, superiores durante os 90 minutos, adiántanse na primeira parte e non son quen de aproveitar a ocasións das que dispoñen para matar o encontro permitindo así manternos vivos, ainda que apenas dispuxemos ocasións de gol.
O encontro comezou cun ritmo baixo, co Taragoña sendo dono da posesión e empezando as xogadas dende atrás. Os continuos movementos dos seus homes de medio campo e ataque, provocaban algún que outro descoloque nas nosas filas e creaban espacios perigosos. Un tiro desde a frontal que saiu demasiado cruzado foi o seu primeiro aviso.
Pouco a pouco, fomos entrando no partido intentando estar ben colocados. Un intento de Lojo dende máis de 40 metros que pasou moi cerca do longueiro foi a nosa mellor oportunidade. Defensivamente estabamos mellor, non concendendo ocasións pero ofensivamente costábanos. O balón duraba moi pouco nos nosos pes e non eramos quen de ir ao ataque con xeito.
No minuto 45, última xogada do primeiro tempo, chegou o único gol do partido: falta moi perigosa ó borde da área que é executada con precisión suiza por un xogador local que coloca o balón na escadra, 1-0.
Con este gol psicolóxico marchamos para vestiarios, coa cabeza baixa. De novo un partido no que iamos por detrás no marcador pero, a diferencia doutros encontros nos que se deu esta situación, desta vez as sensación non eran nada alentadoras debido ó nulo perigo que conseguimos crear na área rival.
Na segunda metade estivemos obrigados a presionar máis arriba e isto fixo que o Taragoña modificase o seu xogo con respecto a primeira metade, buscando balóns máis directos ós xogadores de ataque. Conseguimos igualar a posesión, pero seguiamos pecando de falta de ambición para buscar o gol. As oportunidades para un e outro equipo non chegaron ata os últimos 15 minutos. Ós locais foilles anulado un gol legal ao entender o árbitro falta ó porteiro; tamén desperdeciaron un man a man que salvou Rubén e tiveron un remate de cabeza que se marchou alto por pouco.
As únicas opcións que tivemos para empatar o partido terminaron en fora de xogo, primeiro a Alex e logo a Muras. Un tiro de Ortoño, raso e floxo, foi o último cartucho do encontro.
Chegouse ó minuto 90 e os puntos que quedaron na casa, con merecemento. Toca xa pensar no seguinte partido, no cal sólo nos vale a vitoria.
Xogaron: Rubén, Gustavo (Eloi), Raúl, Muras, Jusepe, Mika, Rafa, Pedro (Ortoño), Lojo, Alex e Portos (Suso)