TRES PUNTOS MÁIS PARA A BUCHACA
Partido intenso o que se viu hoxe en Recesende entre dous equipos que xogaron de poder a poder e na que os visitantes foron superiores na primeira metade e o Rece na segunda. Neste aspecto tivo un factor decisivo o tremendo vento que soprou na Devesiña. O partido estaba en dúbidas de disputarse xa que o árbitro non as tiña todas consigo de que o campo estivera ben para xogar, pero o terreo aguantou perfectamente e salvo algunhas zonas dunha banda, estaba ben para a práctica do fútbol.
Como se apuntaba, o Carcacía dominou o xogo durante os primeiros 45 minutos. Mellor posicionados no campo, a defensa firme e sen complicacións, os interiores moi abertos e gañaban todos os balóns divididos. Con estes antecedentes, o gol visitante era previsible. No minuto 9 chegou un dos goles cómicos da tempada. Fallo na saída do balón de Muras, disparo lexano dun xogador visitante que Diego non é quen de atallar quedando o rexeito para o dianteiro que manda o balón ao largueiro e Carabán, no intento de despexar o balón, estrélao contra Nacho indo o esférico para o fondo das redes. 0-1 e moito que remar.
Este gol non foi quen e facernos espavilar e non conseguimos dar un paso adiante e axudar aos homes de arriba nas xogadas de ataque. Estabamos moi imprecisos en balóns fáciles e a defensa rival non pasou apuros. Durante o resto de minutos da primeira parte, o Carcacía seguiu co dominio do xogo pero tampouco superaba a nosa última liña. A única ocasión clara da que dispuxemos antes do descanso, foi nunha falta lateral que o porteiro rexeitou cara o medio e Lojo, no seu disparo, topou co gardamallas cando tiña todo de cara para marcar.
Na segunda parte todo cambiou. Xa co aire a favor, os nosos desplazamentos non se quedaban cortos e os homes de arriba tiñan campo para correr. A pesar de que os primeiros cinco minutos o Carcacía era quen seguía apretando, o punto de inflexión chegou coa ocasión de Lojo quen mandou o balón ao pao nun man a man co porteiro rival. Tras esta gran ocasión viñémonos arriba e en 7 minutos conseguimos 3 goles.
O 1-1 chegou no minuto 57, cando Muras aproveitou un barullo na área para conseguir o empate. Tan sólo dous minutos despois, Lojo volteaba o marcador tras unha boa xogada de Rafa que lle daba o pase da morte: 2-1. O 3-1 chegou no 64, cando un despexe da nosa defensa convertíase nunha asistencia para Rafa quen batia cun sombreiro o meta, aproveitando a pasividade defensiva do Carcacía.
Non soupemos xestionar ben esta ventaxa de dous goles xa que o Carcacía pillounos varias veces a contra con ocasións perigosas para recortar distancias. Foi nunha desas, no minuto 73 cando sí conseguiu o 3-2 nunha boa xogada do interior dereito que lle dou en bandexa o gol a un compañeiro seu.
Faltaban 20 minutos e os nervios ían en aumento, xa que o Carcacía quería encerrarnos e a nos faltábanos esa calma e sangue fria para parar o ritmo. Por sorte, o resultado non se moveu e os tres puntos volveron a quedar na Devesiña, que aplaudeu con forza tras o pitido final para felicitar ós seus polo esforzo.
Esta victoria foi dedicada ao noso xogador Roni, quen nas últimas horas perdeu a un ser querido. ÁNIMO RONI!!!!
Xogaron: Diego, Gus, Nacho, Jhoni, Carabán, Muras, Tubío (Adrián), Mika (Gabi), Lojo, Rafa, Munin (Mario).
Goles: Muras, Lojo e Rafa